Thursday 25 de April de 2024

A Xunta inviste 783.000€ na rehabilitación integral do IES de Catabois en Ferrol, que quedará adaptado ás características do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica


 Trenor explicou que as obras licitadas hoxe suporán un salto de calidade no confort para alumnado, con espazos máis accesibles, mellor ventilados e máis eficientes desde o punto de vista enerxético

 As obras incrementarán eficiencia enerxética do edificio e incluirán actuacións de mellora da accesibilidade e de redistribución dos espazos de uso da comunidade educativa

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o IES Catabois para informar da licitación por máis de 783.000 euros das obras que permitirán a rehabilitación integral deste edificio que ademais suporán adaptar esta infraestrutura ás novas características construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191M€.
Durante a visita o representante do Goberno autonómico tivo a oportunidade de intercambiar opinións co equipo directivo, ao que informou de xeito pormenorizado da actuación que vai levar a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que ten como eixos principais a mellora do illamento térmico, da eficiencia enerxética e da accesibilidade.

No que atinxe á eficiencia enerxética, o proxecto inclúe a substitución da cuberta existente por panel de dobre chapa con illante intermedio, a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior tipo SATE, a substitución da carpintería exterior por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro de dobre baixo emisivo, incluíndo persianas de aluminio con illamento no interior e caixa de persiana. Ademais levarase a cabo a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética tipo Led.

En canto ao resto de melloras colocarase un novo falso teito acústico anti-reverberación en aulas e vinílico nos aseos, pintarase o interior en cores claros e substituiranse as portas interiores no andar baixo. Faranse pequenos cambios na distribución no andar baixo destacando especialmente a ampliación da biblioteca cara ao almacén 2. Ademais, para solucionar os problemas de accesiblidade do corredor do patio 1, recheararase con soleira de formigón armado rematada en plaqueta de gres porcelánico e substituirase a porta de acceso ao patio. O proxecto inclúe tamén outras pequenas actuacións de revisión de instalacións e obras de mantemento conxunto.

Segundo explicou Trenor, todas estas obras teñen un obxectivo primordial que é mellorar o confort dos alumnos e do plantel de profesorado que cada día interactúan neste centro “tanto desde o punto de vista académico como medioambiental e de accesibilidade”, que van en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica aprobado polo Goberno galego.

O delegado da Xunta explicou que este plan “supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas”.

Precisamente a este reto responde a rehabilitación integral que se vai acometer no IES de Catabois unha actuación que se licita hoxe mesmo co obxectivo de que as obras dean comezo canto antes.

Infraestruturas ao servizo dos retos educativos
O delegado explicou que a Administración ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares -ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas- fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, recalcou o delegado.

Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.